martes, 15 de diciembre de 2009

COMUNICADO DO RETIRO FS / Publicado nas cartas ao director da Voz de Galicia., o 25 de novembro de 2009

O concello de Ramirás sempre co deporte??

Somos un grupo de amigos de Ramirás, a maioría empadroados no concello. Gústanos o fútbol sala e decidimos en 2007 federarnos e participar na liga local de Celanova como Bar O Retiro fs (o noso maior valedor) A temporada pasada ascendemos de categoría e pasamos a xogar en provincial, precisando de pavillón propio. Falamos co concello, que nos cedeu o pavillón situado no grupo escolar, ademais de proporcionarnos, ben a regañadentes, un videomarcador (imprescindible para a realización de calquera deporte federado, sendo pois unha inversión polideportiva e non un gasto só para atender os “nosos caprichos”) Ata aí todo ben. O problema foi cando se pediu (para esta 3ª temporada) unha pequena axuda económica que nos axudara a cubrir parte do orzamento anual (uns 4000 euros entre árbitros, desprazamentos, fichas, equipacións, etc)

O concello negounos calquera axuda, subliñando que non levamos o nome do concello (se somos Bar O Retiro é xustamente por falta de axuda pública e se competimos é gracias aos nosos apoios privados), cando se insistiu pola nosa parte en que por estatutos somos Sporting Ramirás. Tamén se nos dixo que xa se nos cederan as instalacións e se nos colocara o videomarcador, como se este fora noso…

Tampouco se nos deixou levar a cabo un maratón no verán, co que podiamos promocionar o noso deporte e recadar algún fondo para sobrelevar mellor a temporada. E iso que organizamos un torneo de nadal o ano pasado, coa participación de xogadores de toda a mancomunidade e a presenza do Coinasa Ourense fs. Na foto, membros do concello, como non.

O CD Ramirás, que exitosamente (iso é innegable) leva case 30 anos no fútbol provincial, obtén 6000 euros do concello. Nós nunca pedimos iso. Só un cable do concello. Díxose que o CD Ramirás é un proxecto consolidado e nós, pouco menos que uns calqueras (pero de RAMIRÁS) que estabamos a comezar. Pero como se consolidan proxectos se non os apoias desde os inicios? E topamos malas caras e silencios administrativos como resposta ás nosas solicitudes por escrito.

Pero o peor foron as formas. Acusóusenos de romper unha canastra do pavillón e ata de deixar excrementos nun retrete do vestiario local, no colmo dos improperios. Como iamos nós facer iso, no noso propio vestiario? (que por certo non ten chave, pode entrar calquera) A merda, comémola nós, como sempre, perdoando a palabra.

Con todo, quedou claro que non se nos quere no noso propio concello, que o deporte importa un pito e que o único que conta é o benestar político duns cantos. Así que falamos con Pepe Vilachá e fomos xogar a Outomuro este sábado 21 de novembro, no concello de Cartelle, ao outro lado do río. Mesmo partido político, pero diferentes persoas e outra visión do deporte, que é o que nos importa. Ximnasio, piscina, pavillón multiuso, carreiras populares e unha chea de ideas e gañas de apoiar a xente nova. En Ramirás só nos queda aplaudir o inmovilismo máis absoluto e mirar con pesimismo cara un futuro ben negro… no que a xente da casa que quere xogar ao seu deporte non ten cabida… tristemente. Será que non damos moitos votos…

0 comentarios:

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet