martes, 21 de abril de 2009

A CASA DA ALEGRÍA / O Retiro sálvase do descenso de forma milagreira



Non acabo de entender o que sucedeu o sábado. Por máis que lle dou voltas á cabeza, outra vez a razón quedou a un lado. A épica substituiu novamente á lóxica. E non será nada novo no mundo do deporte, nin concretamente do futsal (e menos a crono parado), pero non o dou asimilado.

Parece que sempre estou ca mesma literatura. Sempre a falar de grandes batallas e grandes conquistas. Podédesme crer que a salvación do Retiro foi digno da mellor saga de peli de culto. Botemos unha ollada.

Tras unha espantosa primeira volta, na que só se gañou un partido na cancha, a Sobrado (o outro, a Pazos, por incomparecencia destes) e se empatou outro, perante Kanal Kolor, a segunda parte do misterio trouxo consigo unha impresionante loita culminada coa remontada carambolesca do sábado 18 de Abril, data a lembrar na mente retirista.

E é que con 7 pts, as cousas pintaban mal, moi mal. Gañar a K.Kolor (que importante o gol-average) e Corna no máxico Xaneiro deu paso a altibaixos que puxo ao equipo de Ramirás no fío da navalla. Podía vir un incrible empate en Verín como unha dolorosa derrota con Beariz na casa. A incorporación de Germán Reza víase tapada pola sanción (aínda hoxe vixente, e ata futureiros oitavos de copa) de David Cabalar contra Celanova Motor. Chegaba a hora da verdade e fallouse moito. Empate, 2-2 en casa de Barreras Latas desperdiciando un 0-2, derrota con Cortegada (3-5, pero vaia favor na última xornada) e vitoria ante Pino (6-9). Con 21 pt, ai andabamos, no "case" continuo. Pero en vermello na clasificación. Fomos a Carballiño en cuadro e catástrofe contra o colista. 8-7 tras ir gañando todo o encontro. Caras de descenso. O grupo roto.

E despois, Pijú e Chupito. derrota sen paliativos, 13-6 en Coles contra os primeiros (equipazo... pasota) e honrosa contra o campión en Ramirás, 5-9. Así nos plantamos na última xornada. Kanal Kolor, tralas salvacións de Barreras, Pino, Beariz, Cortegada ou o incrible Corna, quedou como único rival. Pifiouna en Carballiño contra Barreras Latas (6-1) e deunos opcións. PERO DEPENDÍASN DE SI MESMOS contra Cortegada. Un Cortegada que non se caracteriza por ter plantel amplo nin moitas posibilidades de se xuntar, e máis fóra de casa e a final de temporada. Pero vaia lección que deu aos amantes das suspicacias... e a un desesperado K.Kolor, que ve como se lanza ás profundas augas da local capitalina.

Kolor 22 pt., Retiro 21 pt. 40 minutos e unha praza para acompañar a Pazos e Sobrado, pois. Nós, contra Feás e Kolor contra Cortegada. 2 partidos nun, 7 da tarde. UN SOÑO. Champán na recámara do imposible. Primeira parte de nervos. 0-0 cunha chea de ocasións erradas. Carlos e Gele facían internacional ao porteiro dun Feás estancado na 3ª praza e que en ningún momento se tomou o encontro coma un paseo primaveral... As noticias caían coma raios nas nosas cabezas provenientes da Feira de Ourense. 2 a 0 e recital do Kanal Kolor. Estabamos a 4 pt. Derrumbados. Pero o descanso veu con aire propio e alleo. Remontada do Cortegada. 2-3, contaba Carmelo "de la Morena" con aires de alento. Buf, había vida, pensei. Pensamos.

O segundo acto chegaba. O telón comezaba a baixarse. Zapatazo e gol. 1-0. Merda, mascullei. Feás dominaba. Contra e 2-0. Mamá. O equipo volvíase tolo. Germán Reza non confiaba na rede. Carlos miraba ao lonxe. Eu cada vez máis desesperado. Chegou o 2-1 esperanzador de Diego tras un córner... e acto seguido, noutro gatillazo, o 3-1. Tempo morto. Mortos estabamos nós, que carallo. Cortegada, aplastando a Kolor, 3-6. Non mo podía crer. E veña paradóns do porteiro local. E veña tirar do imposible. Calquera día dame algo de verdade...

4 minutos marcaba o puto marcador. Gele bailou e por fin a boliña quixo entrar. 3-2, había vida. "Baixade do ritmo, que non vos xogades nada", díxenlles, entre súplica e orde ignorada aos brancos carballiñeses. Nada. 2 .30. 150 SEGUNDOS cando Carlos colleu a bola na esquina. O empate valía. Carallo. Picada e furiosa, como dicindo que xa está ben de vacilar, deixade esta xentiña en paz, foi pegadiña ao poste. O gardaredes rendiuse. A xente da bancada (gracias a todos,Latas e Pablo, Belén, Melo, os do Cacheiro, etc...) toleando. Eu máis. Que agonía.

Por se alguén dubida de Feás, tiro ao pao case ao pouco de sacar de centro. Pero foi unha contra machacada por Carlos a que acabou co pesadelo. Aguantamos a bola. Durmimos con ela. Final. Final. fINALLLLLL. fINAAAAAAAAAAAAAAAAL. Aí estaba. Logo de 7 meses, tocaba champán. E cea. E abrazos, e lágrimas. Era a CASA DA ALEGRÍA. O Retiro, en 2 temporadas, ascenso, semis de copa, trofeo saudable, copas e finais de maratóns varios e... o mellor, o máis grande. A salvación. A posibilidade de seguir loitando un ano máis. De continuar sendo unha familia de traxe morado e corazón aberto. De collóns. As reflexións, os datos, a copa, a análise do sucedido, a estatística, o futuro, os maratóns, os torneos... iso todo deixademo para outra vez. A emoción foi demasiado forte. Gracias, Cortegada. Gracias, Retiro. Perdón, aparato cardiorespiratorio.

Foi un 18 de Abril. Aínda non eran as 9. Eramos 10. Marcos, Julio, Victor, Germán 1 e 2, Diego, Ángel, Aitor, Adrián, Carlos. Caba e Ramón presentes de alma. Máis aplaudindo a poucos metros. Heroes anónimos nun sábado de primavera de 2009. A historia continúa...

2 comentarios:

latas82 dijo...

A miña foto e falseada, esa e do ano pasado

Bellegho dijo...

Estas perdido, pero a verdad e que recordarei sempre o 18 de abril do 2009 no Paco Chao de Carvalliño

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet