lunes, 9 de junio de 2008

Bar O Retiro-2 Pizarras Tres Cuñados-2 SEMPRE MELLOR IRMÁNS CA CUÑADOS. Sufrir, sufrir e... ao Paco Paz


Eran as 7.30, máis ou menos. Había tempo que non me importaba a hora. Suaba. Tarde do sábado 7 de Xuño de 2008, xusto cando 26 anos atrás debía estar mandando as primeiras choradas da miña vida. Ou o primeiros arrotos. Seguro que daquela o pequeno corazón do pequeno Germán non tiña tantos problemas para bombear o sangue cara os órganos vitais. Desta vez sentía o pulso alterado. O pelo un pouquiño rizado, tirando a encrenchado. Case non me quedaba saliva. Algo de ronqueira. Deime a volta, non quixen mirar. Non tiven o valor. Quizáis tampouco a decencia. Si a confianza. O Bellegho, 25 metros ás miñas costas contorneábase no intento de inquietar ao rival. Era o 8º penalti. Xa tiraran os 4 "retiros". Era a boa. Eles enchúfabanas na escadra, nós case non podíamos coas botas... nin cos nervos.

Fíxose un segundo de silencio sepulcral. Fixeime nos do Sobrado e nos do Feás, que andaban aos ronditos esperando o seu turno como cuartofinalistas. O deporte é coma a vida mesma. En pouca distancia, uns xogándose "a vida". Outros de relax, observando terceiras decisións. Na boca de saída do destartalado anexo "remediano", os do Chupito, observando atónitos. Reparei na bancada. Ninguén pestanexou. Foi un segundo eterno. Como aquel previo á morte, din. Ou o que antecede ao accidente, a exaculación, o bico. O gol forma parte desas emocións idealizadas próximas ao "shock". As tandas de penaltis son como o verdugo inquisitorio. Tu si, tu non. Guillotina: pam, pam, seguinte. Foi a man dereita a que se quedou atrás, comentáronme despois. O penalti fo ao centro. Vin as bocas abrirse e berrar, aplaudir. Dei a volta tras levantar os puños. Alá ían. Todos a correr cara a porta do pecado. A choutar por riba do 2º (??) mellor porteiro da liga local de Celanova 07-08. Unha liga que se lle deu por tocar o carallo este ano. Vaia papelón. Aos puntos, a mellor. A 150 km/h (ou pulsacións por minuto), e sen nada que poder dicir, achegueime á "masa celebratoria". Unha masa sólida, compacta. Impenetrable. Lumeante. Humanamente impecable. Coa bola diante, parece que case tamén. Non o digo eu, dino os deuses da fortuna, da guerra e do viño. Afrodita, Ares e Baco. Ahá.

En fin, que o "cuñado" Goliat caiu. No deporte o grande leva hostias do pequeno ben máis veces que, por exemplo, o rico do pobre. Se sobe a hipoteca ou o gasoil ao ministro de turno impórtalle ben pouco. Ten a vida asegurada. E a dos seus fillos. Pero no xogo, a paixón, o saber e a sorte mistúranse para dar o cóctel de tauritina que empurra o favorito cara o abismo. Ben veces. Aínda que desta volta, e a pesar de supostas baixas importantes, o campión barquense de provincial (e campión tamén en señorío e saber competir), con só 2 cambios na banqueta, parecía telo todo a favor. Os de azul estaban temerosos. Defendían metidos na toca. Tampouco expoñían eles demasiado. E no "a ver quen a pifia antes", unha semi-contra deu co Pana, que horas antes cantaba de todo por Celanova, a empurrar o 0-1. Andaaa. Toma sorpresa. Empataban os da pizarra pouco despois nunha falta-churro. E case sen respirar, na seguinte o Cabalar era expulsado. Encarábase co porteiro tras un encontronazo. O "amigo" Clinaz vía 12 euros en forma azul onde podía haber unha advertencia ou unha mirada de verdadeiro xuíz. Que se maten. Os dous fóra. E a remar. O dianteiro do Gomesende volvíase tolo. Case había que metelo a empurróns no vestiario. Eles quedaban sen porteiro, nós sen a referencia arriba. A partir daí, descanso e a tranquilizar a situación. No desenlace, eles sabían xestionar a cousa ben mellor. Gardaban o tiro e, a medio gas, sacaban petróleo nun córner. Patada ao aire do capi Carlos e o Julio batido na contra. 1-2 e negros nubarróns. Cambios e fórmulas. 3 paos. Á beira de quinta falta e eu protestando todo. Sentado, de pé. Entolecido. Nada. Tivo que ser a uña do "Tarzán" a que o redimira co empate a 7 ou 8 do final.

Eu non sabía de minutos. Parecían horas. Berrando, sabía que os penaltis non significaban "cagarse". Ir a polos "autonómicos" si que traería a "morte" nun 2 para 1. Seguro. Tampouco me fixeron moito caso adentro. O corpo pedíalles gañar, era unha oportunidade única. Dei grazas ao bocinazo. Quedaban no campo Carlos, Luis, Tapas e Félix. Bufff. Pero nada. O resto xa o sabes. A lotería deu un 7-6-82. Perdón, 7-6-2008. O tren destino Pazolandia sairá o vindeiro finde. As atraccións, Chupito (que botou a penaltis a Caserío tras un 2-2), Feás (4-2 a Sobrado, Joseee) e Pino (3-0 a un descentrado pero dignísimo Cacheiro). O "convidado", a retiralos. O bombo que diga misa. A festa está asegurada, veremos se en versión piñata de final ou en plan caramelo de semi. Aí están as estacións percorridas. Foi certamente un camiño ben bonito, pero cheo de pedras gordas, penedos. Un camiño de unión, risas e esforzo. De ilusión e de lembranza. A fin da viaxe, á que estás convidado/a, promete a última machada. Ou morrer coas botas postas, a lingua fóra e a boca de par en par. Abrazados coma irmáns. Sempre mellor a famlia dun que a política. Ou non?


1ª Semifinal Copa 07-08: Sábado 14 xuño, 19h.
2ª Semifinal Copa 07-08: Sábado 14 de xuño, 20.30h.

Final Copa 07-08: Domingo 15 de xuño, 12 h.
Partidos no Pazo dos Deportes "Paco Paz" de Ourense.

1 comentarios:

Anónimo dijo...

pois unha pena a vosa eliminacion da copa, de verdade que aqui en Valdeorras causou sorpresa a eliminacion de Tres Cuñados, é verdade que xogaron con medio equipo e deixaron o equipo titular no torneo de futbol 7 de O barco intentando meterse en semifinais a mesma hora, pero en fin felicidades po la xesta me comentaron que luchasteis como xabatod

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet