jueves, 18 de febrero de 2010

PLAY-6 RETIRO-6 ou de como botar 130 minutos "xogando" ao futsal

Non me deixa de sorprender o futsal. Nin o comportamento das persoas, que pasan en breves segundos do "off" máis insípido ao "on" máis ardente e transgresivo, só cun simple lance do xogo, cun vacile ou cunha tarxeta. Falo en termos de psicoloxía do deporte. Como o partido nos acende, nos activa, nos mostra esa cara "diferente" sexa para ben ou para mal, saca de nós o máis profundo. Protestamos, reventamos ao rival desquiciado ata que o expulsan, montamos unha liorta colectivan ou simplemente simulamos un penalti.

Esta paranoia é o que me suxire o partido do sábado pasado entre Play e Retiro. Véñenme moitas crónicas á cabeza, moitas cousas inexplicables, moitos encontros nun. E todo conflúe nun todo: que difíciles somos... e que complicado é arbitrar... Mamá
Porque na primeira parte nada facía indicar que a segunda sería un auténtico campo de minas. Só 1-0 para o Play tras un tiro lonxano de Javi Rey. Marcos, lesionado, deixaba paso ao show de Truman-Bellegho. O Retiro erraba varias contras claras e ata 1 penalti por mans na área local. Tirábao Carlos ás binchas.
Así pois, as cousas parellas, o combate igualado. Aitor, doble amarela e fóra, por 2ª semana consecutiva, deixaba coxo o equipo de Ramirás. Zorrilla, o mesmo nas filas locais. Borrábanse dous dos que estaban chamados a facer cousas bonitas no derby.

Na 2ª parte chegou o auténtico espectáculo. O terror e a risa a cantidades industriais. En total, dúas horas e pico de circo... Empataba Tapas tras un par de rexeites e facía o 1-1, ben xusto polo que ía vendo. Sería o minuto 4 ou 5. A cousa ía quecendo, e máis cando dous erros do Retiro atrás (unha parede comida por Cabalar e un regalo de Belle no saque) deixaban o 3-1. Despois chegaría o 4-1, mención aparte para o golazo de Chechu. Superregate e vaselina. Tocaba rendición visitante tras o golazo e a euforia Play? O pavillón víñase abaixo... pero o Retiro non entende de bandeiras brancas. Tempo morto e a metade da 2ª parte por diante.

O 4 a 2 de Carlos, despois duns erros defensivos na área local foi contarrestado rapidamente por Cristian, que acabaría, ao igual que Tapas, por facer o hattrik e ser o auténtico protagonista silencioso do partido. 5 a 2 e continuaba o toma e daca. Pase de Caba e gol de Tapas. 5 a 3. Despois, o 6-3 nunha contra local parecía sentenciar o asunto. Outro golazo dun fenomenal Chechu, que deixaba sentado na sáida a Julio. Quedaba algo de esperanza no desanxelado banco morado? Pouca, e mais despois de errar Caba outro penalti, ademais dalgunha outra ocasión marrada.

Oés locais e caras longas visitantes... e apenas 4 minutos para o final. Belle empeza a "axilizar" o show televisivo e xa está máis fóra da área que dentro dela. Nestas, córner a favor de Retiro e zambombazo do porteiro ex-Acebedo. Tragada de Jaime e celebración picante de Julio. O Retiro viase co 6-4 pero as faltas, a tope, deixaban a cousa cómoda para Play. Así, o tema empeorouse cun dobre penalti tras entrada de Julio a Javi Rey. Provocacións mútuas e tangana por medio. Jaime quita a camiseta, Julio é expulsado e non cala nin debaixo da auga, Diego (partidazo) confunde os árbitros co porteiro de discoteca tocanarices de turno, Budy que salta á cancha, Rodrigo separando, Carlos bufando, Chechu, Caba... un caos. Total, expulsados os porteiros e Diego (2 de sanción a Jaime e a Diego). Varios cartóns e ata un amago de suspensión. Un dos árbitros, teoricamente que pita en nacional dixo que nunca vira partido tan quente...

Déusenos por acabar. Quedaban 2 minutos escasos, se mal non recordo. No doble penalti, frivolité de Chechu, que o saca estilo Cruyff... e parada de Marcos, que volvía xogar, lesionado. Na contra, gol de Carlos a Dasy. Case non quedaba tempo... e eu non daba crédito a semellante pifostio carnavaleiro.
Quedaban 20 segundos e o Play non soubo matar a contenda. Tapas colleu a bola e enchufouna, tras suspense previo. Ese segundo no que a bola non quere entrar é inesquecible. Volvinme tolo e funno celebrar á outra esquina da cancha. 7 segundos e bola ao centro. Nada máis. A bocina acabou coa traxicomedia, aínda que houbo máis amagos de problemas camiño dos vestiarios.

Ben, aí queda o serial do Play Retiro, parte 4ª. Un galimatías, un lío inmenso e un empate inesperado pero certamente xusto. 27 pts para Play, que xa se vía salvado, e 23 para Retiro, que continúa en problemas pero que sai reforzado do combate de Celanova. Señores, o que está claro é que se tiveran esta motivación e esta intensidade toda a temporada, estarían con Feás, Corna, ATL e Cortegada... disfrutando da temporada nos postos altos, e non sufrindo.

Si, si, vaia carnavalada de partido... para partirse do medo.

martes, 2 de febrero de 2010

CLASIFICACION PROVINCIAL XORNADA 18, a 3 de febreiro

xog gañ emp perd af ec PTS

ClFEÁS F.S. 18 15 1 2 98 66 46
A CORNA F.S. 18 13 2 3 81 48 41
CORTEGADA F.S. 18 10 3 5 117 98 33
CONCELLO AMOEIRO 18 10 1 7 112 75 31
GAS.CASAL-ATL FEIJOO 18 10 1 7 109 90 31
BARRERAS DE SEGURIDAD 18 8 5 5 74 68 29
ROCHELA ESCORNABOYS 18 9 1 8 78 81 28
MESON M.CUPIRE PADESA 18 7 3 8 108 101 24
ROCHOLL PERRUQUEIROS 18 7 2 9 85 95 23
PLAY FUTBOL SALA 18 7 2 9 91 99 23
VISTAHERMOSA F.S. 18 6 4 8 72 78 22
AVION CONSTRUAMBER 18 7 0 11 111 117 21
CAFE BAR A PORTELIÑA 18 5 2 11 86 113 17
HERMANOS CARRAL F.S. 17 6 0 11 68 86 17
BAR O RETIRO 17 5 1 11 61 92 16
F.S. BEARIZ 18 4 0 14 90 134 12

Remontando... parte 2

Que tal, como andamos? Co que me gusta a min parolear e mirade que levo tempo sen escribir. Hoxe déuseme por aí e vou falar de como está a cousa na provincial a golpe de pre-entroido.

Teño que comezar a análise facendo honor ao título do artigo. Remontar, ese é o sino do Retiro. Acabamos 2009 con 6 derrotas seguidas e 1 pé en local, máis tendo en conta que esta temporada Motor e Verín andan tocados e con pintas de retorno provincial (e conseguintes arrastres) Como xa pasara na 2008/09, os reis viñeron con regalo en forma de cambio de rumbo. Se hai un ano caía Kanal Kolor en Ramirás 6-2 e comezábamos a levantar o voo, desta vez tocaba a máis difícil. Visita a Beariz, que o ano pasado nos ganara os 2 partidos. O farolillo, se nos gañaba Beariz, era noso. Pois tocou outra das nosas. 5 xustos e cun servidor de porteiro... e 6-7. Incrible. Beariz cansou de errar goles e nós nos perdoamos nas contras.

Logo desta machada, visita á Corna. 6 a 2 contra os 2ºs, pero partidazo. Se non gañamos foi por verdadeira mala sorte. Con 3-2, matáronnos fallos puntuais atrás.
E nestas 2 últimas semanas tocou lío. Primeiro, Avión na casa. Con 7-5 a 2 minutos do final (e nun encontro horrible por nosa parte), o amigo Stefan deu por suspender un partido limpísimo por unhas protestas desde a bancada dun xogador recén expulsado. 3 a 0. E hai uns días, partido vital por saír dos últimos 3 postos (quedar 4º pola cola, repito, non garante este ano salvarse) en Coles. A copa Galicia a disputar no Carballiño move o partido a Coles pero os de Hnos. Carral nos se dan por enterados e chegan tarde... tras pasar pola cancha "habitual" e teren que ir correndo a Coles. A expensas do que diga a federación, o presumible 0-3 colócanos por primeira vez desde novembro (cando, visitando o ATL en Celanova iamos na metade da táboa con 3 vitorias, 1 empate e 4 derrotas) en zona, vou dicir, fóra de alarma vermella. Pero seguimos en laranxa...

Porque, con 19 pt, o único que nos convén é meter a máis equipos en problemas. E, ollo, así está a cousa a 12 partidos de finiquitar a temporada: Cupire, que nos visita Outomuro esta semana, 24 pt. Play e Chupito, 23. Vistahermosa 22. Avión 21. Retiro teóricamente 19. Carral e Porteliña 17 e Beariz 12.

Que quere dicir todo isto? Que só do 7º para arriba (Escornaboys, 28 pt) a cousa está tranquila. E que como se tercien os resultados algo esta semana, o tema vai arder. Cos arrastres, todo un Chupito estaría a 2 pt do descenso!! Incrible pero certo. E nós? En reis, a kilómetros da zona media. Agora, a uns días dos disfraces, 4ºs pola cola e pretiño do 8º!! O que é a vida... e o Play en entroido podía ser superado polos Retiros... (Play-Retiro 13 febreiro celanova)

Ou non, que as contas non sempre saen como un quere. Con 2 ou 3 resultados malos e Carral e Porteliña apretando, o pozo estaría a punto de fagocitarnos... así que pouco a pouco, que somos capaces do mellor e do peor.

Do resto, pois iso, que a cousa se está a comprimir por abaixo. E moito. E que un incontestable Freás e unha sorprendente Corna son os candidatos a loitar as 2 primeiras prazas. Mención aparte tamén ao ATL, que con 31 pt, están a 1 vitoria da salvación (calculada neses 33, 34 pt, se non ao tempo, contando arrastres, que ogallá non os haxa, eh...), 5ºs e bordando a temporada.

Quedan 3 meses para que se baixe o telón... e a chicha vai en aumento. Todo Dios a espabilar, que a bola non entende de queixas...
Haberá milagre 2ªparte en versión morada do Retiro? Aposten un triple na quiniela para asegurar co rei das incógnitas...

martes, 15 de diciembre de 2009

COMUNICADO DO RETIRO FS / Publicado nas cartas ao director da Voz de Galicia., o 25 de novembro de 2009

O concello de Ramirás sempre co deporte??

Somos un grupo de amigos de Ramirás, a maioría empadroados no concello. Gústanos o fútbol sala e decidimos en 2007 federarnos e participar na liga local de Celanova como Bar O Retiro fs (o noso maior valedor) A temporada pasada ascendemos de categoría e pasamos a xogar en provincial, precisando de pavillón propio. Falamos co concello, que nos cedeu o pavillón situado no grupo escolar, ademais de proporcionarnos, ben a regañadentes, un videomarcador (imprescindible para a realización de calquera deporte federado, sendo pois unha inversión polideportiva e non un gasto só para atender os “nosos caprichos”) Ata aí todo ben. O problema foi cando se pediu (para esta 3ª temporada) unha pequena axuda económica que nos axudara a cubrir parte do orzamento anual (uns 4000 euros entre árbitros, desprazamentos, fichas, equipacións, etc)

O concello negounos calquera axuda, subliñando que non levamos o nome do concello (se somos Bar O Retiro é xustamente por falta de axuda pública e se competimos é gracias aos nosos apoios privados), cando se insistiu pola nosa parte en que por estatutos somos Sporting Ramirás. Tamén se nos dixo que xa se nos cederan as instalacións e se nos colocara o videomarcador, como se este fora noso…

Tampouco se nos deixou levar a cabo un maratón no verán, co que podiamos promocionar o noso deporte e recadar algún fondo para sobrelevar mellor a temporada. E iso que organizamos un torneo de nadal o ano pasado, coa participación de xogadores de toda a mancomunidade e a presenza do Coinasa Ourense fs. Na foto, membros do concello, como non.

O CD Ramirás, que exitosamente (iso é innegable) leva case 30 anos no fútbol provincial, obtén 6000 euros do concello. Nós nunca pedimos iso. Só un cable do concello. Díxose que o CD Ramirás é un proxecto consolidado e nós, pouco menos que uns calqueras (pero de RAMIRÁS) que estabamos a comezar. Pero como se consolidan proxectos se non os apoias desde os inicios? E topamos malas caras e silencios administrativos como resposta ás nosas solicitudes por escrito.

Pero o peor foron as formas. Acusóusenos de romper unha canastra do pavillón e ata de deixar excrementos nun retrete do vestiario local, no colmo dos improperios. Como iamos nós facer iso, no noso propio vestiario? (que por certo non ten chave, pode entrar calquera) A merda, comémola nós, como sempre, perdoando a palabra.

Con todo, quedou claro que non se nos quere no noso propio concello, que o deporte importa un pito e que o único que conta é o benestar político duns cantos. Así que falamos con Pepe Vilachá e fomos xogar a Outomuro este sábado 21 de novembro, no concello de Cartelle, ao outro lado do río. Mesmo partido político, pero diferentes persoas e outra visión do deporte, que é o que nos importa. Ximnasio, piscina, pavillón multiuso, carreiras populares e unha chea de ideas e gañas de apoiar a xente nova. En Ramirás só nos queda aplaudir o inmovilismo máis absoluto e mirar con pesimismo cara un futuro ben negro… no que a xente da casa que quere xogar ao seu deporte non ten cabida… tristemente. Será que non damos moitos votos…

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet