Non me deixa de sorprender o futsal. Nin o comportamento das persoas, que pasan en breves segundos do "off" máis insípido ao "on" máis ardente e transgresivo, só cun simple lance do xogo, cun vacile ou cunha tarxeta. Falo en termos de psicoloxía do deporte. Como o partido nos acende, nos activa, nos mostra esa cara "diferente" sexa para ben ou para mal, saca de nós o máis profundo. Protestamos, reventamos ao rival desquiciado ata que o expulsan, montamos unha liorta colectivan ou simplemente simulamos un penalti.
Esta paranoia é o que me suxire o partido do sábado pasado entre Play e Retiro. Véñenme moitas crónicas á cabeza, moitas cousas inexplicables, moitos encontros nun. E todo conflúe nun todo: que difíciles somos... e que complicado é arbitrar... Mamá
Porque na primeira parte nada facía indicar que a segunda sería un auténtico campo de minas. Só 1-0 para o Play tras un tiro lonxano de Javi Rey. Marcos, lesionado, deixaba paso ao show de Truman-Bellegho. O Retiro erraba varias contras claras e ata 1 penalti por mans na área local. Tirábao Carlos ás binchas.
Así pois, as cousas parellas, o combate igualado. Aitor, doble amarela e fóra, por 2ª semana consecutiva, deixaba coxo o equipo de Ramirás. Zorrilla, o mesmo nas filas locais. Borrábanse dous dos que estaban chamados a facer cousas bonitas no derby.
Na 2ª parte chegou o auténtico espectáculo. O terror e a risa a cantidades industriais. En total, dúas horas e pico de circo... Empataba Tapas tras un par de rexeites e facía o 1-1, ben xusto polo que ía vendo. Sería o minuto 4 ou 5. A cousa ía quecendo, e máis cando dous erros do Retiro atrás (unha parede comida por Cabalar e un regalo de Belle no saque) deixaban o 3-1. Despois chegaría o 4-1, mención aparte para o golazo de Chechu. Superregate e vaselina. Tocaba rendición visitante tras o golazo e a euforia Play? O pavillón víñase abaixo... pero o Retiro non entende de bandeiras brancas. Tempo morto e a metade da 2ª parte por diante.
O 4 a 2 de Carlos, despois duns erros defensivos na área local foi contarrestado rapidamente por Cristian, que acabaría, ao igual que Tapas, por facer o hattrik e ser o auténtico protagonista silencioso do partido. 5 a 2 e continuaba o toma e daca. Pase de Caba e gol de Tapas. 5 a 3. Despois, o 6-3 nunha contra local parecía sentenciar o asunto. Outro golazo dun fenomenal Chechu, que deixaba sentado na sáida a Julio. Quedaba algo de esperanza no desanxelado banco morado? Pouca, e mais despois de errar Caba outro penalti, ademais dalgunha outra ocasión marrada.
Oés locais e caras longas visitantes... e apenas 4 minutos para o final. Belle empeza a "axilizar" o show televisivo e xa está máis fóra da área que dentro dela. Nestas, córner a favor de Retiro e zambombazo do porteiro ex-Acebedo. Tragada de Jaime e celebración picante de Julio. O Retiro viase co 6-4 pero as faltas, a tope, deixaban a cousa cómoda para Play. Así, o tema empeorouse cun dobre penalti tras entrada de Julio a Javi Rey. Provocacións mútuas e tangana por medio. Jaime quita a camiseta, Julio é expulsado e non cala nin debaixo da auga, Diego (partidazo) confunde os árbitros co porteiro de discoteca tocanarices de turno, Budy que salta á cancha, Rodrigo separando, Carlos bufando, Chechu, Caba... un caos. Total, expulsados os porteiros e Diego (2 de sanción a Jaime e a Diego). Varios cartóns e ata un amago de suspensión. Un dos árbitros, teoricamente que pita en nacional dixo que nunca vira partido tan quente...
Déusenos por acabar. Quedaban 2 minutos escasos, se mal non recordo. No doble penalti, frivolité de Chechu, que o saca estilo Cruyff... e parada de Marcos, que volvía xogar, lesionado. Na contra, gol de Carlos a Dasy. Case non quedaba tempo... e eu non daba crédito a semellante pifostio carnavaleiro.
Quedaban 20 segundos e o Play non soubo matar a contenda. Tapas colleu a bola e enchufouna, tras suspense previo. Ese segundo no que a bola non quere entrar é inesquecible. Volvinme tolo e funno celebrar á outra esquina da cancha. 7 segundos e bola ao centro. Nada máis. A bocina acabou coa traxicomedia, aínda que houbo máis amagos de problemas camiño dos vestiarios.
Ben, aí queda o serial do Play Retiro, parte 4ª. Un galimatías, un lío inmenso e un empate inesperado pero certamente xusto. 27 pts para Play, que xa se vía salvado, e 23 para Retiro, que continúa en problemas pero que sai reforzado do combate de Celanova. Señores, o que está claro é que se tiveran esta motivación e esta intensidade toda a temporada, estarían con Feás, Corna, ATL e Cortegada... disfrutando da temporada nos postos altos, e non sufrindo.
Si, si, vaia carnavalada de partido... para partirse do medo.
jueves, 18 de febrero de 2010
PLAY-6 RETIRO-6 ou de como botar 130 minutos "xogando" ao futsal
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario